O Boletín Oficial do Estado publica a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

29/12/2021

Esta norma, cuxa entrada en vigor producirase o 30 de decembro de 2021, ten a súa orixe no Real Decreto-lei 14/2021, do 6 de xullo, texto que se convalidó no Congreso dos Deputados o 21 de xullo.

Na fase de tramitación parlamentaria, a norma enriqueceuse co diálogo entre os diferentes grupos políticos e negociouse cos representantes dos traballadores do sector público e tamén cos diferentes niveis da Administración. O texto orixinal provén dun acordo referendado na Mesa Xeral de Negociación cos sindicatos CC OO, UXT e CSIF, así como do debate dentro da Conferencia Sectorial da Administración Pública e das reunións da Comisión Coordinadora do Emprego Público, nas que participan tanto as Comunidades Autónomas como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O obxectivo da lei é reducir a temporalidade do conxunto das Administracións por baixo do 8%, un compromiso que adquiriu o Goberno coa Unión Europea a través das reformas contidas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e supón tamén cumprir coas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Supremo.

Conforme esta norma, as Administracións Públicas deberán ofertar, antes do 1 de xuño de 2022, as prazas de traballadores temporais que están actualmente ocupadas e os procesos selectivos deberán finalizar antes do 31 de decembro de 2024. A estas prazas accederase mediante concurso-oposición, no que a fase de concurso ponderará un 40% e a experiencia será o elemento determinante na valoración. Os exercicios da fase de oposición poderán considerarse non eliminatorios.

Doutra banda, as prazas que estivesen ocupadas con carácter temporal de maneira ininterrompida desde antes do 1 de xaneiro de 2016 convocaranse polo sistema de concurso de maneira excepcional.

A aplicación da norma alcanzará a todos os niveis da Administración, a todas as sociedades mercantís públicas, ás entidades públicas empresariais, ás fundacións e os consorcios do sector público, polo que o proceso de regularización efectuarase en todos eses ámbitos, sen prexuízo de que poida adecuarse á súa normativa específica.