Un marco regulatorio eficiente e unha redución ambiciosa en cargas administrativas innecesarias nun país son importantes para fortalecer a competitividade e a capacidade innovadora da economía, e para aumentar a valoración positiva de cidadáns e empresas cara ás administracións. A adopción dalgunhas normas para a limitación das cargas administrativas pretende establecer unha disciplina aos reguladores que oriente a elixir opcións máis eficientes e eficaces. Os enfoques de limitación de cargas que se están implantando nos distintos estados da nosa contorna (UE e OCDE principalmente) baséanse na regra “one in – x out”, que consiste na compensación das cargas derivadas de novas regulacións mediante a redución das xa existentes.
O Reino Unido foi o primeiro país da OCDE en formalizar esta formulación de compensación como unha política oficial do goberno en 2011 coa introdución do one in – one out. Posteriormente, outros países como Canadá, España, Alemaña, Francia, Australia ou Corea seguiron aplicando estas medidas.
Os distintos países utilizan varios enfoques de compensación, talles como eliminación de normas existentes, redución de cargas, proporción de entrada/eliminación, restrición ou non de materias/circunstancias que non son obxecto de compensación, etc.
No caso concreto de España, o principio de compensación de cargas aplícase mediante a regra one in - one out, elevada ao rango legal por medio do artigo 37 da Lei 14/2013, do 27 de setembro, de Apoio aos Emprendedores e a súa Internacionalización. Este artigo prevé que
“As Administracións Públicas que no exercicio das súas respectivas competencias creen novas cargas administrativas para as empresas, eliminarán polo menos unha carga existente de custo equivalente”.
A regra one in- one out establece que cada incremento en cargas ha de ir acompañado da eliminación doutra existente. O obxectivo é que non se produza ningún incremento neto.
A compensación de cargas administrativas xeradas como consecuencia das normas publicadas polos Ministerios pode equilibrarse coa redución que supoñen, tanto outras normas publicadas que diminúen cargas administrativas, como as medidas de aforro para cidadáns e empresas incluídas no Plan de Simplificación e Redución de Cargas que elabora anualmente cada Ministerio.