No Informe destácase que aumenta a importancia que a cidadanía concede aos servizos públicos, mentres que se estabiliza o nivel de insatisfacción cos mesmos, que aumentara nos últimos anos. Do mesmo xeito que ocorría en 2013, a importancia dos servizos públicos segue crecendo a ollos dos cidadáns, ao mesmo tempo que se xeneraliza a opinión de que é esencial que se avalíe a calidade dos mesmos e de que para iso deben existir organismos especializados.
Outro dos aspectos destacados no Informe é que os servizos administrativos, tanto presenciais como electrónicos, seguen sendo ben valorados polos cidadáns. A canle presencial é aínda o preferido, aínda que continúa o aumento na utilización da administración electrónica. Ademais, en 2014 rómpese a tendencia á estabilización no uso da e-administración.
Doutra banda, constátase que aumenta a confianza xeral nos empregados públicos, sendo salientable que esta confianza é superior á que os cidadáns depositan en profesionais dalgúns servizos privados equiparables.
Por último, o Informe sinala que o coñecemento dos procesos de reforma das administracións públicas é limitado. A redución de cargos públicos e de asesoría, a eliminación de duplicidades, a simplificación de procedementos e unha maior transparencia no custo dos servizos das entidades locais son as claves a xuízo dos cidadáns para lograr unha maior eficacia e sustentabilidade nas administracións públicas.