O LTE (Long Term Evolution) supón o seguinte chanzo tras a tecnoloxía UMTS (3G), que se presenta como anticipo á cuarta xeración de telefonía móbil, ou 4G, introducindo importantes melloras en canto á xestión das conexións de datos e a eficiencia na transmisión, o que en último termo redunda en redes móbiles con alta capacidade para a descarga de datos e con menores custos de operación e mantemento. As características das redes 4G fanas idóneas para soportar as redes móbiles do futuro, con todo, implican importantes modificacións nas infraestruturas dos operadores e, ao mesmo tempo, necesítanse terminais móbiles compatibles, polo que para o seu despregamento e funcionamento requírense investimentos tanto por parte dos operadores como dos usuarios.
O LTE permite unha velocidade teórica de descarga de 300 Mbit/s; a evolución desta tecnoloxía, coñecida como LTE Advanced presentará as características necesarias para ser denominada como 4G, ao ofrecer velocidades teóricas de ata 1 Gbit/s para usuarios nunha localización fixa e de 100 Mbit/s para usuarios en mobilidade.
Do mesmo xeito que para as conexións 3G, hai que ter en conta que a capacidade de largo de banda das tecnoloxías LTE e 4G é compartida por todos os usuarios que se atopan simultaneamente conectados a unha mesma estación basee, e ao mesmo tempo a calidade da conexión depende da distancia do usuario á estación e das interferencias existentes, polo que as velocidades de descarga individuais para cada usuario poden variar e, de feito, tenden a ser menores que os máximos teóricos.