O Consello de Ministros na súa reunión do 24 de maio, aprobou un Plan de aforro e eficiencia enerxética, dirixido á Administración Xeral do Estado e ás entidades do sector público estatal.
Trátase dun plan promovido polos ministerios de Facenda e Función Pública e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que ten como obxectivos principais racionalizar o uso dos edificios e instalacións administrativas e establecer formas de organización do traballo dos empregados públicos que redunden en aforro enerxético, á vez que garantan a plena prestación dos servizos e a atención aos cidadáns.
O plan de medidas de aforro enerxético é un dos compromisos contemplados no Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, aprobado en Consello de Ministros o pasado 29 de marzo.
Con este plan a Administración Xeral do Estado asume un papel de liderado e exemplaridade e afronta o reto de impulsar actuacións que propicien o aforro e a eficiencia neste ámbito no sector público estatal nas actuais circunstancias.
Desta forma, outro dos obxectivos é servir como modelo a outras administracións públicas e entidades privadas para que se sumen a esta iniciativa, todo iso coa idea de obter, no curto prazo, un aforro na factura eléctrica, así como contribuír ao reforzo da seguridade enerxética do país.
O plan contempla medidas relativas á racionalización nas instalacións e uso dos edificios administrativos da Administración Xeral do Estado; ao fomento de fórmulas organizativas que deben adoptar as empregadas e empregados públicos, garantindo plenamente a atención á cidadanía, así como medidas de formación e sensibilización para promover a utilización eficiente da enerxía a través da plataforma e-learning do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE).