O Consello de Ministros aproba o anteproxecto de Lei de Avaliación de Políticas Públicas para fortalecer o proceso de análise e a eficacia das medidas adoptadas

20/04/2022

O Consello de Ministros na súa reunión do 19 de abril, aprobou o Anteproxecto de Lei de Institucionalización da Avaliación de Políticas Públicas na Administración Xeral do Estado, unha norma que servirá para fortalecer, sistematizar e dar estabilidade e calidade ao proceso de análise das diversas políticas postas en marcha polo Estado Central.

A avaliación das políticas públicas está consolidada como unha ferramenta de mellora e de aprendizaxe das accións de goberno, para favorecer a toma de decisións, propor eventuais correccións e, en última instancia, para render contas á cidadanía.

A aprobación desta norma, constitúe un dos fitos do Componenete 11 do Plan de Recuperaión, Transformación e Resiliencia, relativo ao reforzo do sistema de avaliación das políticas públicas.

Os principais elementos que contempla a nova norma son o establecemento dun mecanismo de planificación estable de avaliación para toda a Administración Xeral do Estado, para o que se deseñará un sistema de indicadores comúns. Ademais, preténdese reforzar a avaliación ‘ex ante’, previo á aprobación das políticas públicas, e quérese empregar os resultados das avaliacións para mellorar esas políticas.

Preténdese fomentar, así mesmo, unha cultura avaliadora no conxunto da Administración, propiciando un cambio nos paradigmas ao integrar a avaliación de políticas públicas como ferramenta de mellora, rendición de contas e transparencia. Neste sentido, non se parte de cero, xa que a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF) conta cunha dilatada experiencia na avaliación ‘ex post’ de revisión do gasto público. Por tanto, o que o Goberno pretende con esta lei é ampliar este enfoque e dar un carácter transversal á avaliación de políticas públicas.

Ademais, a nova lei contempla a creación dun organismo, a Axencia Estatal de Avaliación de Políticas Públicas, para coordinar e supervisar o sistema público de avaliación.

Con esta medida, España aborda de maneira transversal a avaliación das políticas públicas, co fin de analizar e evidenciar o impacto destas políticas en cuestións tan determinantes para a sociedade e a mellora do Estado de Benestar como a igualdade de xénero, o medio ambiente e a transición enerxética, o despoboamento e o reto demográfico, o crecemento económico, a redistribución da riqueza, a adecuación á normativa e as directrices europeas ou a adecuada aliñación das distintas intervencións públicas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

Nota de prensa