O Boletín Oficial do Estado publica a convocatoria de 10.254 prazas na Administración Xeral do Estado

28/05/2021

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe venres a convocatoria do Ministerio de Política Territorial e Función Pública de distintos procesos selectivos para a Administración Xeral do Estado (AGE), cuxos exames comezarán no mes de novembro.

Son 10.254 prazas, das que 799 (7%) resérvanse para a cota de persoas con discapacidade. Do conxunto de prazas dos procesos selectivos que hoxe se convocan, destacan polo seu volume 3.803 prazas para o Corpo Xeral Administrativo da Administración do Estado (850 quenda libre, 2.950 promoción interna e 3 para estabilización), 3.162 para o Corpo Xeral Auxiliar da Administración do Estado (650 quenda libre, 1.500 promoción interna e 1.012 estabilización).

Tamén se convocan hoxe 2.239 prazas para o Corpo de Xestión da Administración Civil do Estado (781 libres, 1.050 promoción interna e 408 estabilización) e 480 prazas para o Corpo de Xestión de Sistemas e Informática da Administración do Estado (280 ingreso libre e 200 promoción interna).

Estas convocatorias corresponden ás Ofertas de Emprego Público 2019 e 2020 e ás Ofertas de Estabilización 2017 e 2018.

O ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, presentou o mércores desta semana o documento ‘Orientacións para actualizar os procesos selectivos na Administración Xeral do Estado’, para adaptalos á substitución xeracional, a irrupción da intelixencia artificial e as novas necesidades de talento que require a Administración do século XXI.

Unha das principais conclusións, tras meses de debate no que participaron un centenar de expertos en materia de selección de persoal, foi a necesaria axilización dos procesos selectivos, que as medidas se vaian aplicando de forma gradual ata a súa implantación total en 2025.

Nas convocatorias que hoxe se publican xa se aplica unha destas medidas para axilizar os procesos selectivos: a realización de dous exames, teórico e práctico, o mesmo día, o que permitirá acurtar a duración do desenvolvemento das probas e evitar desprazamentos aos opositores.

Consulta a convocatoria aquí

Nota de prensa