A prestación por parto múltiple tramítase a partir deste mes de marzo por medios exclusivamente electrónicos, segundo prevé a Instrución do 26 de febreiro de 2021 de MUFACE que tamén achega, como novidades, a regulación dos períodos de descanso e a simplificación de trámites.
A partir de agora, os interesados deberán presentar a solicitude e a documentación pertinente a través da Sede Electrónica de MUFACE https://sede.muface.gob.es/ podéndose tramitar a solicitude con identificación por Cl@ve, certificado electrónico ou DNI electrónico.
Este novo avance enmárcase dentro da estratexia de transformación dixital da Mutualidade. Cabe destacar que, do mesmo xeito que ocorreu en marzo de 2019 coas prestacións dentarias e oculares, fíxose uso do art. 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para determinar que as persoas solicitantes de axudas sexan suxeitos obrigados ao trámite electrónico.
Outra das novidades da Instrución é a regulación dos períodos de descanso por coidado do menor que terá a mesma duración para ambos os proxenitores e obrigatorias as primeiras seis semanas. Desaparece tamén a posibilidade de cesión de parte do período entre eles.
Desde a entrada en vigor do Real Decreto 6/2019, que ampliou o permiso de paternidade a 16 semanas desde o 1 de xaneiro de 2021, simplificouse a xestión desta prestación, eliminando a documentación a achegar polo mutualista.
Coa dixitalización plena desta prestación dáse un paso esencial para o cumprimento dun dos obxectivos principais do Plan MUFACE Avanza 2021-2023 no que a simplificación e redución de trámites refírese, e, sobre todo, en termos de servizo ao cidadán, facilitando a vida aos pais e nais mutualistas.