O 1 de decembro publicouse no Boletín Oficial do Estado a Resolución do 24 de novembro de 2020, da Secretaría de Estado de Política Territorial e Función Pública, pola que se nomean funcionarios de carreira do Corpo de Arquitectos Técnicos ao servizo da Facenda Pública.
O corpo de Arquitectos Técnicos ao servizo da Facenda Pública, é un corpo específico da Administración Xeral do Estado dependente do Ministerio de Facenda.
As funcións que desempeñan están relacionadas coa valoración e taxación de inmobles e inspeccións de catastro, entre outras funcións relativas ao ámbito fiscal. Os Arquitectos Técnicos de Facenda poden desempeñar as súas funcións nos tres niveis da administración (Estatal, Autonómica e Local), e entre os destinos máis comúns están as Xerencias Rexionais e Territoriais de Catastro, Delegacións de Facenda, Patrimonio do Estado, Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Consellerías de Facenda de Comunidades Autónomas, entre outros.
Para o acceso ao Corpo de Arquitectos Técnicos ao servizo da Facenda Pública é necesario estar en posesión do título de Arquitecto Técnico ou equivalente e superar o correspondente proceso selectivo que convoca o Ministerio de Facenda.
O temario para ingresar neste Corpo consta de bloques relativos a Dereito Constitucional, Administrativo e Comunitario; Dereito Civil e Mercantil; Catastro; Valoración Inmobiliaria; Dereito Urbanístico e Sector da Edificación e Facenda Pública, Dereito Financeiro e Dereito Tributario.
Os procesos selectivos constan dunha fase de oposición de tres exercicios, todos eles eliminatorios. As persoas que superen a fase de oposición deberán superar o curso selectivo na Escola da Facenda Pública.