O Ministerio para a Transformación Dixital e daFunción Pública impulsa xunto á UIMP un Curso Avanzado sobre Intelixencia Artificial

10/06/2024

● O programa oriéntase a explorar os retos e oportunidades da IA no ámbito da innovación e a soberanía tecnolóxica ● Inclúense debates e relatorios sobre o impacto social e as políticas da IA, abordando temas de ética e regulación ● A conferencia inaugural correrá a cargo de Paul S. Adler, un dos maiores expertos internacionais na materia

Madrid, 10 de Xuño de 2024.- O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), puxo en marcha un Curso de Verán co título "Intelixencia Artificial: Retos Actuais e Desafíos Futuros", coincidindo co lanzamento da Estratexia de Intelixencia Artificial 2024 do Goberno de España. O curso terá lugar do 24 ao 26 de xuño no Palacio da Madalena (Santander) e estará dirixido por Manuel González Bedia, Director Xeral de Planificación Estratéxica en Tecnoloxías Dixitais Avanzadas e Nova Economía da Lingua no Ministerio.

Obxectivos do curso

O curso ten como obxectivo principal abordar as implicacións científicas, sociais e políticas da Intelixencia Artificial (IA), explorando as implicacións socioeconómicas que moldean as prioridades da súa investigación e aplicación. Enfócase en promover unha IA pública e transparente como base da política de transformación dixital do país, fortalecendo a soberanía tecnolóxica nacional e as capacidades tecnolóxicas, en liña coa Estratexia aprobada polo Consello de Ministros o pasado 14 de maio.

Programa do Curso

O curso está dividido en tres bloques temáticos que se desenvolverán ao longo de tres días:

  1. Debate sobre as Políticas de Impulso á Intelixencia Artificial
  2. Situación da Investigación: Dilemas Científicos e de Transferencia
  3. Regulación e Impacto Social

Nas sesións participarán relatores internacionais como Paul S. Adler, e outros científicos nacionais como Daniel Innerarity, Julia Pareto ou Antonio Bahamonde.

A inauguración do curso estará presidida polo Ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luís Escrivá. Tamén participará a Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Mayte Ledo. Ambos exporán as prioridades do Goberno nesta materia.

Público obxectivo

Este curso está deseñado para investigadores en IA, economistas, especialistas en innovación e impacto tecnolóxico, sociólogos, filósofos, expertos en política científica e todas aquelas persoas interesadas en participar no debate sobre os principios e recomendacións políticas que deberían guiar o desenvolvemento da IA.

Inscrición e máis información

As inscricións están abertas no sitio web da UIMP, así como os detalles sobre o programa e os relatores.