Madrid, 19 de novembro de 2024.- O Goberno aprobou, por proposta dos ministerios de Política Territorial e Memoria Democrática e Transformación Dixital e Función Pública, un Real Decreto que regula a creación, adscrición e funcións do Comisionado especial para a reconstrución e reparación dos danos provocados pola DANA en diferentes municipios entre o 28 de outubro e o 4 de novembro de 2024, de conformidade coa Lei 40/2015, de Réxime Xurídico do Sector Público.
A DANA provocou un gran número de vítimas mortais, así como cuantiosos danos, como inundacións en decenas de municipios, estradas e vías cortadas e pontes esnaquizadas.
Dada a magnitude dos danos ocasionados e as medidas que son necesarias para a recuperación da normalidade nas zonas afectadas, considérase xustificada a actuación da Administración Xeral do Estado (AGE) e a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, con base no principio de solidariedade interterritorial e de maneira subsidiaria, complementando as actuacións que, en exercicio das súas competencias, teñen encomendadas as administracións territoriais.
Comisionado especial
Créase o Comisionado especial para a reconstrución e reparación dos danos provocados pola DANA en distintas zonas da Península e Illes Balears entre o 28 de outubro e o 4 de novembro de 2024, con rango de Subsecretaría e con vixencia temporal, que se encargará do impulso, coordinación e seguimento da execución das medidas adoptadas pola AGE, así como da coordinación coas administracións territoriais afectadas. ➢ A persoa titular do Comisionado desempeñará as súas funcións baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. ➢ O Comisionado levará a cabo as seguintes funcións:
a. Impulsar a execución das medidas adoptadas pola AGE para paliar os danos ocasionados con motivo da DANA.
b. Realizar análise e seguimento periódico da execución das medidas adoptadas pola AGE, en especial a concesión das axudas e anticipos, así como propor novas medidas á Comisión Interministerial para o desenvolvemento de medidas urxentes para o territorio afectado pola DANA, con especial énfase na simplificación de procedementos e redución de cargas administrativas.
c. Elevar informes ao Goberno sobre as actividades desenvolvidas e os resultados, así como cantas propostas considere necesarias para o adecuado cumprimento das funcións encomendadas.
d. Solicitar dos Departamentos ministeriais, entidades dependentes da AGE e das Delegacións do Goberno, Subdelegacións do Goberno e Direccións Insulares dos territorios afectados, canta información resulte necesaria para o cumprimento das súas funcións, e convocar cantas reunións se requiran para ese efecto.
e. Impulsar a coordinación da AGE coas administracións territoriais afectadas na execución das medidas adoptadas.
f. Apoiar á persoa titular do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática no exercicio das funcións propias da presidencia da Comisión interministerial para o desenvolvemento de medidas urxentes para o territorio afectado pola DANA.
Así mesmo, nas funcións que competen ao Estado fronte aos efectos causados pola DANA, no ámbito territorial determinado no Real Decreto-lei 6/2024, o Mecanismo Nacional de Resposta e Reconstrución fronte á DANA axustará as súas actividades ás determinacións que estableza o Comisionado.
➢ En canto á súa estrutura, créanse dentro do Comisionado, con rango de subdirección xeral:
a. A Oficina de Coordinación e Impulso da Execución das Axudas
b. A Oficina de Relacións Institucionais
➢ Para o exercicio das súas funcións, o Comisionado contará coa colaboración dos órganos da AGE competentes por razón da materia, así como dos órganos das administracións territoriais afectadas, en virtude dos principios de cooperación e coordinación entre administracións públicas.
O presente real decreto dítase en exercicio da potestade de autoorganización da AGE e non afecta as competencias das comunidades autónomas O real decreto, doutra banda, terá un impacto positivo sobre a economía, en tanto que coadxuvará a retomar as actividades empresariais que se viron afectadas pola DANA.