O Goberno aproba a distribución de 500 millóns de euros ás CCAA para proxectos de dixitalización e conectividade no marco do Plan de Recuperación
04/10/2021
O Consello de Ministros autorizou as propostas de distribución territorial de 500 millóns de euros para o período 2021-2023, destinada a varios proxectos de dixitalización e conectividade que xestionarán as Comunidades Autónomas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O Consello de Ministros autorizou as propostas de distribución territorial de 500 millóns de euros para o período 2021-2023, destinada a varios proxectos de dixitalización e conectividade que xestionarán as Comunidades Autónomas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Esta distribución económica será tratada na reunión da Conferencia Sectorial que, con carácter virtual, celebrarase mañá mércores.
Impulso á conectividade dixital
Cos acordos aprobados hoxe, as Comunidades Autónomas contarán ata 2023 con 360 millóns de euros para pór en marcha actuacións que se enmarcan no Programa UNICO. Este Programa ten por obxectivo lograr a universalización do acceso á banda larga ultra rápida (100 Mbps ou superior) en todo o territorio, así como a aceleración do despregamento de 5G, mesmo nas áreas rurais de carácter remoto.
Esta contía que xestionarán as CCAA articularase en catro liñas:
UNICO-Servizos Públicos. Este programa permitirá financiar infraestrutura de banda larga con velocidades de, polo menos, 300 Mbps, escalables a 1 Gbps en centros de referencia talles como hospitais, centros de saúde, centros educativos e de formación e outros centros nos que se presten servizos públicos e reforzar a súa conectividade. O orzamento do programa é de 150 millóns de euros.
O Programa UNICO-Industria e Empresas ten un orzamento de 100 millóns de euros e o seu obxectivo é reforzar a conectividade en polígonos, centros loxísticos e áreas de concentración de actividade económica, situados en zonas brancas ou zonas grises NGA . O programa incluirá tanto o despregamento de banda larga que permita velocidade de 300 Mbps, escalables a 1 Gbps, como a interconexión dos centros ou instalacións entre si, coa finalidade de facilitar o acceso de altas prestacións a redes en proxectos de carácter innovador de dixitalización sectoriais.
UNICO-Bono Social ten un orzamento de 30 millóns de euros e consiste na creación dun bono social que permita contratar ou mellorar a conexión a banda larga fixa, cunha velocidade mínima de 30 Mbps, para persoas ou familias identificadas como vulnerables. Existirá unha limitación dun bono por unidade familiar e persoa con contía máxima do bono de 240 €/ano. Poderán colaborar co programa do bono social aqueles operadores que presten servizo, en todas ou nalgunha das comunidades e cidades autónomas.
Por último, UNICO-Edificios permitirá mellorar as instalacións de telecomunicacións nos edificios construídos antes do ano 2000. O orzamento do programa é de 80 millóns de euros.
Ampliación de formación e coñecementos dixitais entre os cidadáns
As CCAA e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla recibirán 140 millóns de euros, igualmente para o período 2021-2023, para executar accións de formación e adquisición de competencias dixitais por parte da cidadanía, a través de actuacións como módulos formativos, talleres, seminarios, etc. Actuacións que, ademais deberán pór o foco en formación para mulleres e nenas.
Estes investimentos enmárcanse no compoñente 19 do Plan de Recuperación, relativo ao Plan Nacional de Competencias Dixitais, que busca reforzar as competencias dixitais dos traballadores e do conxunto da cidadanía, reducindo a porcentaxe da poboación española que carece de competencias dixitais. Así, un dos eixos de actuación é o impulso das competencias dixitais transversais do conxunto da cidadanía, pondo énfase en colectivos en risco de exclusión social e loitando contra a fenda dixital de xénero.
Con elas, preténdese reforzar os programas que veñen executando as CCAA a través de iniciativas como o fortalecemento de redes de centros de apoio á formación dixital, accións de inclusión dixital con foco en colectivos vulnerables, programas de información e sensibilización para poboación senior ou programas de innovación para o peche da fenda dixital.