Madrid, 22 de outubro de 2024.- O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto-lei para renovar o Consello de Administración da Corporación RTVE e superar así a situación de interinidade da súa composición actual. A norma persegue o triplo obxectivo de reforzar o pluralismo do ente público, asegurar a súa estabilidade e garantir a profesionalidade do seu consello directivo.
“Nos últimos catro anos, RTVE tivo un administrador único e tres presidentes. Unha inestabilidade na xestión que non é desexable en ningunha empresa pública ou privada. Ademais, na actualidade, dos 10 postos do Consello de Administración, seis deberían ser xa renovados”, expuxo o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, na roda de prensa posterior ao Consello de Ministros.
López foi o encargado de explicar o contido deste real decreto-lei que busca “superar a situación de bloqueo e parálise no órgano directivo dunha compañía da transcendencia de RTVE”. O ente público, subliñou, “presta un servizo esencial na promoción do coñecemento e a difusión dos principios constitucionais e os valores cívicos. Supón unha canle fundamental de comunicación para a cidadanía, e, por iso, este Goberno vai garantir que cumpra as súas funcións con normalidade”.
O real decreto-lei foi elaborado polos Ministerios da Presidencia, Facenda e para a Transformación Dixital e da Función Pública. O Goberno iniciará de inmediato as negociacións cos grupos parlamentarios de face tanto á súa validación como á elección do novo Consello de Administración.
Un Consello de Administración máis plural
Para reforzar o pluralismo nos órganos de goberno de RTVE, o Consello de Administración pasará a ter 15 membros, todos eles persoas con suficiente cualificación e experiencia profesional. Dos 15 membros, 11 elixiraos o Congreso dos Deputados e catro o Senado por maioría de dous terzos. A composición do Consello respectará o principio de presenza equilibrada de homes e mulleres, tal e como establecen a lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes e a lei de paridade.
Para evitar situacións anómalas como a que vive o ente na actualidade, sen unha presidencia nomeada polo Congreso dos Deputados e con varios conselleiros co seu mandato caducado, o real decreto-lei incorpora unha fórmula de desbloqueo para a elección do Consello por maioría absoluta, cando non se alcance a maioría de dous terzos en calquera das dúas cámaras.
Con esta fórmula e co Parlamento actual, Óscar López asegurou que “o próximo Consello de Administración de RTVE será o máis plural da historia do ente público”.
Maior estabilidade
O segundo obxectivo da reforma é asegurar a estabilidade no goberno da corporación. Así, os conselleiros serán elixidos para un mandato de seis anos e poderán ser reelixidos unha soa vez.
As Cortes Xerais aprobarán en Pleno mandatos-marco á Corporación nos que se concretarán os obxectivos xerais da función de servizo público que ten encomendados. Estes mandatos-marco terán unha vixencia de oito anos prorrogables. Os obxectivos aprobados no mandato-marco serán desenvolvidos cada catro anos nos contratos-programa acordados polo Goberno coa Corporación RTVE.
Dedicación exclusiva
O real decreto-lei garante a profesionalidade dos membros do Consello de Administración. Establécese de novo, como xa ocorreu no pasado, que teñan dedicación exclusiva.
Ademais, quedarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración Xeral do Estado e ao establecido na lexislación mercantil para os administradores. En todo caso, a súa función será incompatible co mandato parlamentario.
Co fin de impulsar canto antes a elección dun novo Consello de Administración de RTVE conforme ao disposto neste real decreto-lei, establécese que as Presidencias do Congreso dos Deputados e o Senado terán que iniciar o procedemento de elección dos 15 membros do Consello de Administración no prazo de quince días naturais desde a súa entrada en vigor. Este proceso haberá de concluír no prazo de quince días desde o seu inicio, de tal modo que o novo Consello quede elixido nun período máximo de 30 días.