O Congreso dos Deputados aprobou o Proxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, co que a partir de agora continuará coa súa tramitación no Senado. A norma provén do Real Decreto-lei 14/2021, do 6 de xullo, aprobado en Consello de Ministros e que se convalidó no Congreso dos Deputados o 21 de xullo, data desde a que se tramita como Proxecto de Lei polo procedemento de urxencia.
O texto, á súa vez, provén dun acordo negociado e referendado na Mesa Xeral de Negociación cos sindicatos CC OO, UXT e CSIF e do debate no seo da Conferencia Sectorial de Administración Pública, así como de reunións da Comisión Coordinadora do Emprego Público, entre as Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A norma dá cumprimento a unha das reformas contidas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como a sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Supremo. O compromiso do Goberno cando iniciou todo este proceso para cumprir con Bruxelas e as decisións xudiciais pasa por reducir a temporalidade do conxunto das Administracións ata situala por baixo do 8%.
En virtude do Proxecto de Lei que obtivo a súa aprobación este xoves no Congreso dos Deputados e ao que falta obter o visto e prace da Cámara Alta, as Administracións Públicas deberán ofertar, antes do 1 de xuño de 2022, as prazas de temporais que están actualmente ocupadas. Os procesos selectivos deberán finalizar antes do 31 de decembro de 2024. O acceso a estas prazas realizarase mediante un proceso de concurso-oposición. A valoración da fase de concurso será do 40% e a experiencia será o factor determinante.
Ademais, a norma establece que os exercicios na fase de oposición poderán considerarse como non eliminatorios. As Administracións poderán adaptar o temario e o tipo de probas ao proceso de estabilización propio de cada ámbito. Ademais, de maneira excepcional, as Administracións Públicas convocarán polo sistema de concurso as prazas que estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016. Desta forma, este proceso extraordinario de estabilización afecta as prazas estruturais que leven polo menos cinco anos ocupadas de maneira interina, así como a aquelas ocupadas por empregados interinos que leven máis de cinco anos empregados na Administración.