A Axencia Estatal de Avaliación das Políticas Públicas e a Calidade dos Servizos (AEVAL) desenvolve unha actividade institucional que persegue a mellora da calidade, a eficacia e a eficiencia da acción de goberno e a rendición de contas aos cidadáns, propia de toda sociedade democrática. Nesta liña, a avaliación constitúe unha ferramenta esencial para coñecer os resultados e os efectos das intervencións públicas.
Xunto con AEVAL, os órganos responsables de calidade nas distintas administracións públicas españolas están persuadidos de que é recomendable a consolidación dun sistema público de avaliación. Este sistema debe basearse na aprendizaxe das persoas e institucións implicadas na calidade a partir da experiencia e do coñecemento xerado xa desde as distintas administracións.
Neste documento, que foi elaborado por AEVAL e ao que achegaron as súas ideas e experiencias os membros da Rede Interadministrativa de Calidade, recóllese unha mostra deste compromiso coa avaliación. Os membros da Rede teñen a convicción de que a prestación dos servizos no sector público debe realizarse coas debidas garantías de calidade e de que, en cada acto de prestación do servizo, os cidadáns valoran a eficacia das institucións públicas e a calidade da súa democracia. Por iso, a Rede Interadministrativa quere pór de manifesto que a alianza pola calidade é sólida. Nesta ocasión, preséntase unha “Guía para a Avaliación da Calidade dos Servizos Públicos” que propón unha metodoloxía xeral que poida ser de aplicación a unha pluralidade de tales servizos independente de cal sexa a administración responsable da súa provisión.