A Axencia Estatal de Avaliación das Políticas Públicas e a Calidade dos Servizos (AEVAL) ten por obxecto a promoción e realización de avaliacións de políticas e programas públicos, favorecendo o uso racional dos recursos públicos, así como o impulso da xestión da calidade dos servizos públicos. Para desenvolver a súa misión de impulsar un novo modelo de xestión pública ao servizo dos intereses xerais, mediante a avaliación e a calidade dos servizos públicos, AEVAL opera cun concepto sistémico da calidade da acción pública que se aliña co postulado pola Comisión Europea neste documento.
Como afirma o Profesor Fukuyama, citado neste mesmo texto, “Moito máis importante que o tamaño do goberno é a súa calidade (…) Hai unha correlación moi forte entre a calidade do goberno e os bos resultados económicos.” Isto é innegable pero é necesario precisar que se entende por calidade do goberno ou calidade da administración. E é isto precisamente o que vén aclarar esta Caixa de ferramentas para a calidade da administración pública. En efecto, a calidade da administración pública require un enfoque integrador e comprehensivo que non se limita a un conxunto de técnicas senón que comprende e interrelaciona todos os elementos que interveñen no complexo proceso da acción pública. Desde os principios e valores da boa gobernación, pasando pola profesionalidade e competencia técnica das institucións e a mellora da prestación dos servizos, ata o fortalecemento da calidade dos sistemas xudiciais e a xestión eficaz dos fondos públicos. No noso ámbito nacional, a Carta de Compromisos coa Calidade das Administracións Públicas españolas, aprobada en Conferencia Sectorial da Administración Pública o 16 de novembro de 2009, atópase en sintonía con esta perspectiva holística europea.
A Axencia de Avaliación e Calidade, que participa activamente nas actividades da rede EUPAN e os seus distintos grupos de traballo, congratúlase desta iniciativa, que mostra os froitos da cooperación europea nesta materia, e felicita aos seus promotores, a Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea e aos autores deste traballo, cuxa versión española ofrecemos agora aos xestores públicos do noso país.