Neste informe analízase, a partir dos datos obtidos nunha enquisa do CIS, a percepción dos residentes en España con respecto a distintas políticas e servizos públicos, así como a súa evolución nos últimos anos. Realizado o estudo en 2018, valórase a importancia que os cidadáns conceden aos servizos públicos e o seu grao de satisfacción cun amplo abanico de políticas e servizos sectoriais máis demandados. Estúdase así mesmo a evolución dos hábitos dos cidadáns con respecto aos servizos públicos administrativos, e a intensidade de uso das distintas canles de acceso á administración. Por último, como resulta habitual nesta serie, xunto á batería histórica de preguntas, inclúese unha reflexión ad hoc que versa sobre o paradigma de goberno aberto, e neste respecto, o coñecemento e valoración de principios como a transparencia, o acceso á información pública, a participación cívica e a rendición de contas.
Dentro dos programas contidos no Real Decreto 951/2005, do 29 de xullo, polo que se establece o marco xeral para a mellora da calidade na Administración Xeral do Estado, está previsto o despregamento dunha serie de actividades por parte do denominado observatorio da calidade dos servizos públicos. Así, o artigo 27 do citado Real Decreto encarga un estudo periódico e uniforme da percepción cidadá sobre os servizos públicos, para o que, poderán realizarse estudos de opinión. Os servizos obxecto de análise son aqueles de maior relevancia para a sociedade e que son máis utilizados pola poboación.