Óscar López: “Apostamos por unha reindustrialización que peche a brecha entre o mundo rural e o urbano”

02/04/2025
O ministro Óscar López durante o evento
  • O ministro destaca o investimento de 16 millóns de euros do Goberno de España para levar o 5G a municipios de menos de 10.000 habitantes en Huesca 
  • O Plan do Goberno ante o Reto Demográfico funciona: Entre 2018 e 2024 os pequenos municipios españois atraeron a máis de 350.000 persoas

O Goberno de España está a investir 16 millóns de euros para levar o 5G a municipios de menos de 10.000 habitantes na provincia de Huesca, segundo anunciou este mércores o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública en clausúraa do XII Foro Somos Liteira.

“A revolución industrial concentrou a poboación en grandes urbes, despoblando o mundo rural. Hoxe a dobre transición verde e dixital está a servir para reindustrializar e volver atraer empresas e proxectos ao mundo rural, eliminando desigualdades. A aposta do Goberno de España nos últimos sete anos por esta dobre revolución explica gran parte do éxito económico do país e que creásemos medio millón de empregos vinculados ás novas tecnoloxías”, subliñou o ministro na súa intervención.

Se hoxe España é un país atractivo para o investimento estranxeiro grazas a unha enerxía limpa e barata e á súa conectividade, grazas ao seu liderado no despregamento de fibra óptica, o ministro lembrou que estes atributos “non caen do ceo”. Son o resultado, subliñou, “dun investimento nacional de máis de 3.000 millóns de euros en conectividade desde 2020”.

Na súa intervención no foro, destacou a firme implicación do Goberno de España coa dixitalización aragonesa. En concreto, detallou como o Executivo destinou 313 millóns de euros para a renovación de instalacións de telecomunicacións ou a concesión de bonos sociais de conectividade a familias vulnerables; distribuíu máis de 11.000 dispositivos dixitais para estudantes aragoneses a través do programa Educa en Dixital; e dixitalizou o tecido industrial aragonés con máis de 20.000 axudas do Kit Dixital para pemes e autónomos, axudas valoradas en 85,8 millóns de euros.

As medidas de Reto Demográfico funcionan

Óscar López explicou que o esforzo do seu departamento co peche da fenda dixital enmárcase no Plan do Goberno de 130 medidas ante o Reto Demográfico. “Un plan que funciona: Entre 2018 e 2024, os pequenos municipios españois atraeron a máis de 350.000 persoas, un saldo migratorio positivo que rompeu a tendencia da década anterior. Porque Binéfar, Riaza ou Verín teñen o mesmo dereito que as urbes a prosperar. Teñen o mesmo dereito que Madrid ou Barcelona ao 5G ou á Intelixencia Artificial”, sinalou.

Neste punto, referiuse aos programas financiados polo Ministerio que teñen por obxectivo estender o uso da Intelixencia Artificial e que chegaron xa a beneficiarios en Aragón. Como é o caso da empresa IriusRisk, unha startup creada en Montesa e que en menos dunha década logrou situarse como líder en ciberseguridade e á que o Ministerio apoiou cun investimento de 2,78 millóns de euros para un proxecto de deseño de arquitecturas na nube ciberseguras.